Friday 03 de May de 2024

Feijóo cualifica de “éxito colectivo” a adxudicación dos vehículos K9


Salienta que cantos máis compoñentes se fabriquen en Vigo, “máis estabilidade no emprego, máis facturación do sector da automoción e máis importancia do sector no futuro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “éxito colectivo” a adxudicación dos vehículos K9 á planta de PSA Peugeot-Citröen en Balaídos, e afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para que as novas furgonetas leven máis compoñentes de Vigo e haxa máis achega de innovación e de tecnoloxía feita en Galicia a todo o grupo PSA. “O obxectivo é continuar traballando coas empresas de compoñentes para que a finais do 2017, cando se comecen a fabricar as novas furgonetas estas leven máis pezas de Vigo e haxa máis achega de innovación e de tecnoloxía feita en Galicia a todo o grupo PSA, a través do CTAG”, aseverou.

Tras unha reunión esta mañá co padroado do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), na que tamén estivo o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, Feijóo incidiu en que agora “tócalle a quenda” ás empresas de compoñentes para fabricar os modelos K9; “e cantos máis compoñentes se fabriquen en Vigo, máis estabilidade no emprego, máis facturación do sector da automoción e máis importancia do sector no futuro”, aseverou.

Feijóo felicitou e agradeceu o esforzo dos traballadores da factoría de Vigo e das 12.000 familias restantes que traballan nas compañías que fabrican pezas. “Agradecer a dispoñibilidade das empresas do sector que, sen elas, probablemente tería sido moito máis difícil conseguir este contrato, este investimento de 600 millóns de euros e de, aproximadamente, 2 millóns de vehículos para os próximos dez anos”.

Tras a xuntanza, o responsable do Goberno galego cualificou a adxudicación dos vehículos K9 de “éxito colectivo da industria da automoción galega e da estabilidade e solvencia da Comunidade”. “A decisión da multinacional ten unha enorme transcendencia económica para Galicia, para as 19.000 familias do sector, para o PIB galego e para as novas exportacións. Significa que temos unha garantía e unha estabilidade no sector para os próximos dez anos, co enorme calado social, económico e laboral que isto supón”, dixo, ao que engadiu que esta decisión non só repercutirá na carga de traballo da factoría e das empresas de compoñentes, senón tamén na actividade do Porto de Vigo que no 2013, entre automóbiles e compoñentes, moveu máis de 6.000 millóns de euros.